Monday 13 de May de 2024

O cómico Pablo Meixe presenta na Coruña ‘Meixeverso’, o seu novo espectáculo


Tras unha exitosa estrea, o artista galego chegará ao Ágora o próximo 27 de xaneiro. As entradas xa están á venda

O Concello da Coruña promove a estrea na cidade de ‘Meixeverso’, o espectáculo do popular cómico Pablo Meixe producido por Etiqueta Negra.

Trátase dun show humorístico que busca potenciar as múltiples facetas do galego e que conta cunha grande aposta polo audiovisual. A función será o próximo 27 de xaneiro ás 19.00 horas.
As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla.

‘Meixeverso’ é un show ambicioso que vai alén mesmo do noso mundo. A premisa da que parte é que o galego dáse conta de que ao longo e ancho dos distintos planos da realidadepódense atopar personaxes curiosos que poñen a proba o tecido da graza e o chiste. E para iso valerase de audiovisual, música, cambios de vestiario e, sobre todo, moitas risas. Así, Pablo Meixe emprenderá unha viaxe chea de humor na que falará das súas vivencias e desventuras nunha travesía polos formatos, onde o público poderá conectar cun dos creadores de contido do momento.

‘Meixeverso’ é un show de humor, mais ás veces é unha gala de premios e outras unha sala de cinema. Para o deseño do cartel e a realización das pezas audiovisuais nas que se apoia o espectáculo, contouse co fotocreador e filmmaker Álvaro L. Barreiro.

Pablo Meixe comezou no mundo do teatro aos 14 anos. Aos 17 no clown e aos 19 cosmonólogos, pero pola faceta pola que resulta maiormente coñecido é polos vídeos de humor que sobe en redes sociais e que lle valeron alcanzar máis de 750.000 seguidores en TikTok e máis de 150.000 seguidores en Instagram. Actualmente, Pablo continúa gravando vídeos e actuando en distintas salas e teatros de todo o país.